A Xunta de Galicia publica un protocolo inicial de volta á actividade deportiva
24 de Junio de 2020
A Secretaría Xeral para O Deporte publicou este venres un protocolo inicial de volta á actividade deportiva. A RFGF elaborará un protocolo específico de fútbol
A Xunta de Galicia publicou o venres 19 de xuño, un protocolo inicial de volta á actividade deportiva que será completado posteriormente cun protocolo específico de fútbol que elaborará a Real Federación Galega de Fútbol e que terá que ser autorizado pola propia Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Así, o Diario Oficial de Galicia do venres 19 de xuño publica a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se aproba o protocolo Fisicovid- DxTgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia.
O obxecto deste protocolo é establecer a metodoloxía a seguir polas federacións deportivas galegas no establecemento das medidas de prevención necesarias para facer fronte para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia. Os protocolos federativos serán de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos e deberá publicarse na web da respectiva federación.
Con respecto á situación actual que vive o deporte galego, o secretario xeral para o Deporte lembrou o acordo do Consello da Xunta publicado no Diario Oficial de Galicia do pasado sábado 13 de xuño sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Neste sentido, lembrou que neste momento o deporte en Galicia debe de ser individual ou colectivo sen contacto, en grupos de ata 25 deportistas como máximo e mantendo a distancia de seguridade de 1,5 metros ou con mascarilla.